VARIOS
Galicia e a Bretaña están marcadas, como xa viron os autores clásicos, por moitas semellanzas xeográficas e culturais. Son terras altamente romanizadas, pero con fondas pegadas celtas. Son terras de granito e con extensas orlas marítimas, de chuvias atlánticas empuxadas por «ventos mareiros», que están caracterizadas por uns trazos culturais de gran paralelismo, desde os monumentos megalíticos ata os cruceiros e calvaires, as gaitas e as cornamusas, as romarías e un sentimento da terra case panteísta, alén dunha fonda relixiosidade.