VARIOS
A conmemoración do douscentos aniversario do nacemento de Rosendo Salvado (Tui, 1 de marzo de 1814) constitúe unha inmellorable ocasión para profundar nun aspecto clave da súa vida e obra; de feito, a cerna de toda a súa extraordinaria andaina: o seu pensamento e práctica indixenistas. Foi o seu un compromiso co mundo aborixe que desbotaba radicalmente a brutal perspectiva etnocéntrica e racista habitual na época do Imperio británico; a saber: aquela que consideraba os indíxenas miserentos corpos «sen alma», refugallos dunha «raza destinada a extinguirse» e, mesmo, seres de caste «dos orangutáns».