VARIOS
A dedicatoria do IV Encontro O SOn da Memoria ás musicas emigradas ou, mesmo, á produción musical dos galegos fóra do seu país responde a unha liña de debate, investigación e compilación instaurada modernamente nos núcleos intelectuais e sociais nos que os movementos humanos e as súas consecuencias preocupan dun xeito particular. Na especial atención que o Consello da Cultura Galega presta ao estudo e á interpretación dunha etapa extraordinariamente significativa da nosa historia, por medio neste caso, do Arquivo Sonoro de Galicia, cabe mencionar os proxectos de conservación e catalogación emprendidos na área latinoamericana que terán como froito a recuperación da música como un ben sociocultural.